Detección, diagnóstico e tratamento

A detección temperá é esencial. Como familias ou profesionais ante a mínima sospeita, debemos procurar comentar as nosas percepcións, sempre de forma respectuosa e  empática. Vale máis dar unha voz de alarma e equivocarnos, que esperar e perder unha marabillosa oportunidade de recibir un apoio temperán a tempo. Por iso, recomendamos que ante a mínima sospeita ou dúbida achega da linguaxe, desterredes eses comentarios socialmente tan aceptados e que fan tanto dano ao desenvolvemento de todos os nenos e nenas (ex. “Xa falará”, “é vaga para falar”, “ enténdeo todo pero non arrinca a falar”, “non te preocupes, o meu fillo tardou e agora   non cala” e tristemente un longo etc.).
 
O diagnóstico ha de basearse na información que achega a familia, no estudo da conduta comunicativa e na aplicación de probas obxectivas. O ideal é que se faga por parte dun equipo composto por profesionais de diferentes disciplinas que traballen e forma conxunta, no  que este presente, polo menos:  logopeda, psicólogo/a e  neuropediatra. Estes perfís encargaranse de valorar de forma exhaustiva todas as áreas do desenvolvemento.

Non existe un tratamento farmacolóxico, pero si dispoñemos de evidencia científica e clínica de que o tratamento e acompañamento terapéutico é fundamental, especialmente desde  períodos temperáns (Atención Temperá). Os profesionais que se encargan diso son principalmente,  logopedas e psicólogos especialistas en desenvolvemento infantil, en ocasións e en función do perfil concreto pode ser necesaria tamén, a figura do/a terapeuta ocupacional. Ademais o labor e implicación dos mestres/ as dos centros educativos é fundamental e  importantísima para o seu desenvolvemento global. Influíndo de forma directa desde a linguaxe, ata as relacións cos seus iguais, o seu desenvolvemento emocional e/ou a súa capacidade de aprendizaxe, entres outras cuestións. Esta intervención ou acompañamento terapéutico, adoita ser inicialmente intensivo e   de longa duración, especialmente ata finalizar a etapa escolar.

As familias son un piar fundamental na intervención. Necesitan apoio, información e orientación. Nos primeiros momentos, ante as dúbidas e incerteza da sospeita de que algo “non vai do todo ben”, ante o diagnóstico e durante todas as etapas do seu desenvolvemento e escolarización.