Que é?

O Trastorno do Desenvolvemento da Linguaxe ( TDL), antes coñecido como Trastorno Específico da Linguaxe (TEL), é un trastorno grave e duradeiro que afecta á adquisición e desenvolvemento da linguaxe desde os seus inicios, prolóngase durante a infancia e a adolescencia, podendo deixar secuelas significativas na idade adulta. As dificultades na linguaxe NON se explican por: déficits  auditivos, discapacidade intelectual, alteracións morfolóxicas, trastornos emocionais ou alteracións neurolóxicas.

Prodúcese un inicio tardío da linguaxe, isto quere dicir que a aparición das primeiras palabras pode atrasarse, producirse un parón despois de adquirilas ou unha lenta adquisición e evolución.
 
A prevalencia sitúase entre un 2% e un 7% da poboación infantil, sendo máis frecuentes en nenos que en nenas (2:1/3:1).

É posible que o  TDL ou TEL se acompáñe doutros trastornos ou alteracións, é o que chamamos  comorbilidade. Adoita ser común que se produzan  comorbilidades con Trastornos de Aprendizaxe, como a  Dislexia por exemplo, pola súa íntima interrelación (linguaxe oral  vs linguaxe escrita) ou ben Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade - TDAH, ademais de trastornos relacionados coa coordinación motora ou co procesamento sensorial, entre outros.